27/5/10

O COMITÉ INTEREMPRESAS CHAMA A SUMARSE Á FOLGA DO 8 DE XUÑO

O Comité Interempresas apoia a folga convocada para o vindeiro día 8 de xuño contra o severo plan de axuste presentado polo Goberno, que afecta gravemente aos/as empregados/as públicos/as, pensionistas, dependentes e desempregados/as.

O Comité Interempresas chama aos traballadores e traballadoras da CRTVG, RTG e TVG a que o vindeiro día 8 de xuño se sumen a esta convocatoria de folga.

12/5/10

POLA ESTABILIDADE DO EMPREGO, NON AOS RECORTES NA CONTRATACIÓN TEMPORAL

Dende a toma de posesión, a actual dirección prescindiu de contratos de obra nas áreas de programas da radio e a televisión, alegando o novo contorno de restrición orzamentaria. Do mesmo xeito, está deixando de cubrir substitucións por baixas, permisos ou vacacións do persoal. Das 220 prazas do cadro de persoal á espera de convocatoria pública, aínda fican se ocupar preto dun cento. Coa recrúa da crise económica e os recortes orzamentarios no sector público, é de supoñer que a situación se agrave e a empresa afonde na liña de redución da contratación temporal.

Neste contexto, manter a actual situación de bloqueo da Oferta de Emprego Público non fai máis que crear incerteza e poñer en perigo a continuidade de moitos postos de traballo. A representación sindical cre urxente a convocatoria da OEP para asegurar a cobertura das 220 prazas do cadro de persoal fixo.

Unha vez rematada a OEP, cómpre actualizar o cadro de persoal (coa revisión da estruturalidade, a identificación das vacantes e a negociación das delegacións) e proceder á provisión das prazas resultantes mediante a convocatoria dunha nova oferta de emprego público.

Do punto de vista do Comité Interempresas, esta é a única maneira de dar maior estabilidade e seguridade ao emprego na CRTVG.

11/5/10

9 DÁIS POR ASUNTOS PARTICULARES AO CUMPRIR 24 ANOS

A parte social e a empresa chegaron hoxe a un acordo en Comisión Paritaria polo que o persoal que cumpra 24 anos de antigüidade na empresa dispoñerá de un día adicional de asuntos particulares. Péchase deste xeito a interpretación do artigo 48.2 do Estatuto Básico do Empregado público, que ofrecía dúbidas sobre o goce de un día adicional "por cada trienio cumprido a partir do oitavo". Con este acordo o persoal que cumpra 24 anos de permanencia na empresa dispoñerá dun total de 9 días por asuntos particulares, que poderá gozar con dereito a remuneración

7/5/10

CIG, UXT, USO E CCOO DEMANDAN A EXECUCIÓN DO ACORDO DE CONVOCATORIA DA OEP INCUMPRIDO POLA DIRECCIÓN DA CRTVG

Os sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO presentaron onte na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia escrito polo que demandan a execución da Oferta de Emprego Público, segundo acordo acadado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 26 de febreiro.

A demanda baséase no incumprimento por parte da dirección da empresa dos compromisos adquiridos coa parte social, referidos á convocatoria da quenda libre do proceso selectivo e a incorporación do persoal que obtivo praza na promocións interna, así como á tramitación da aprobación formal da convocatoria por parte do Consello de Administración, no prazo máximo do mes de abril.

Os sindicatos representados no Comité Interempresas solicitan ao tribunal que se dite auto de execución do citado acordo e advirta á dirección da empresa das posibles sancións económicas e mesmo das responsabilidades persoais en que pode incorrer polo incumprimento manifesto dos compromisos adquiridos.