12/5/10

POLA ESTABILIDADE DO EMPREGO, NON AOS RECORTES NA CONTRATACIÓN TEMPORAL

Dende a toma de posesión, a actual dirección prescindiu de contratos de obra nas áreas de programas da radio e a televisión, alegando o novo contorno de restrición orzamentaria. Do mesmo xeito, está deixando de cubrir substitucións por baixas, permisos ou vacacións do persoal. Das 220 prazas do cadro de persoal á espera de convocatoria pública, aínda fican se ocupar preto dun cento. Coa recrúa da crise económica e os recortes orzamentarios no sector público, é de supoñer que a situación se agrave e a empresa afonde na liña de redución da contratación temporal.

Neste contexto, manter a actual situación de bloqueo da Oferta de Emprego Público non fai máis que crear incerteza e poñer en perigo a continuidade de moitos postos de traballo. A representación sindical cre urxente a convocatoria da OEP para asegurar a cobertura das 220 prazas do cadro de persoal fixo.

Unha vez rematada a OEP, cómpre actualizar o cadro de persoal (coa revisión da estruturalidade, a identificación das vacantes e a negociación das delegacións) e proceder á provisión das prazas resultantes mediante a convocatoria dunha nova oferta de emprego público.

Do punto de vista do Comité Interempresas, esta é a única maneira de dar maior estabilidade e seguridade ao emprego na CRTVG.