15/7/10

O COMITÉ INTEREMPRESAS RECLAMA A INCORPORACIÓN DO PERSOAL DA PROMOCIÓN INTERNA

Ante o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestima a petición de execución do acordo do 26 de febreiro respecto á convocatoria da quenda libre do proceso selectivo (ata que finalicen os trámites para acadar a autorización conxunta de Orzamentos e Función Pública), pero que non se pronuncia sobre a incorporación do persoal que obtivo praza na promoción interna, o Comité Interempresas solicitou unha xuntanza urxente, celebrada hoxe, na que reclamou a incorporación inmediata do persoal da promoción interna.

Na xuntanza de hoxe a dirección da empresa comunicou que os trámites na Xunta xa están rematados e que neste mes de xullo levará a aprobación da modificación do cadro de persoal e a convocatoria de OEP ao Consello de Administración. Con respecto á toma de posesión das prazas de promoción interna, o director de Recursos Humanos afirmou que "se produciría con efectos de primeiros de agosto".

14/7/10

PROPOSTA PARA UNHA REFORMA DEMOCRÁTICA DA RADIO E A TELEVISIÓN PÚBLICAS DE GALIZA

Comparecencia do presidente do Comité Interempresas da CRTVG, RG e TVG no Relatorio de reforma do marco legal da Compañía de Radio-Televisión de Galiza e as súas sociedades, no Parlamento de Galiza, o 13 de xullo de 2010.

13/7/10

O COMITÉ DE EMPRESA DA TVG IRROMPE NO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA CRTVG CONTRA A EXTERNALIZACIÓN DA PRODUCIÓN

O comité de empresa da TVG e delegados sindicais dos sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO, irromperon o pasado venres, día 9 de xullo, ás doce do mediodía, no pleno do consello de administración da CRTVG para reclamar que se poña fin á política de externalización da programación da canle autonómica, política que se ven acentuando desde o relevo da dirección xeral, ata o punto de que practicamente o cen por cen da programación non informativa do verán se vai a producir con empresas externas.

A externalización masiva da produción da TVG supón unha infrautilización dos recursos técnicos e humanos da canle pública, o que representa unha duplicidade de gastos, e pon en perigo a continuidade de moitos postos de traballo na CRTVG. A contratación indiscriminada da produción de programas da TVG constitúe unha dilapidación dos recursos públicos, en contradición coa política de aforro anunciada polo presidente do Goberno da Xunta de Galicia.

7/7/10

"GALEGOS NO MUMDO" PRIVATÍZASE

O pasado día 3 de xuño, ante unha pregunta do comité de TVG, que sospeitaba un cambio de rumbo na produción do programa Galegos no Mundo, a directora da TVG, Rosa Vilas, confirmou que este espazo está agora en mans dunha produtora allea, Portocabo TV.

Hai máis de 20 anos que a TVG se convertiu en pioneira en toda España coa primeira emisión de Galegos no Mundo, un programa que percorría o mundo en busca da identidade galega que se espallou máis alá das nosas fronteiras. Un espazo histórico feito por galegos e para galegos.

É lamentable que a Dirección de Televisión de Galicia se incline deste xeito a favor da externalización, pronunciándose en termos como que “somos caros”, e que “debemos apostar polos low cost”. Será obedecendo a esta premisa polo que a TVG ten agora máis da metade da súa produción en mans de produtoras alleas.

Queremos traballar. A día de hoxe, o comité de TVG, como órgano representante das traballadoras e dos traballadores desta empresa, vese na obriga de asumir este lema para frenar a xestión da Dirección da TVG, encamiñada a unha progresiva externalización da produción.

Os traballadores e traballadoras da TVG queremos seguir facendo produción propia interna, tal e como xa viñamos realizando nestes 25 anos.Somos unha canle pública autonómica, e a nosa función e a nosa obriga é precisamente desenvolver os contidos audiovisuais que demandan as galegas e galegos. Se non o facemos así, defraudamos a confianza depositada pola cidadanía nesta empresa.

A Dirección de Televisión de Galicia esqueceu que xestiona un servizo público cos cartos das galegas e galegos. O que está facendo con estes cartos é derivalos a empresas alleas, algunhas das cales buscan única e exclusivamente un beneficio económico, sin contribuir a creación dun tecido industrial do audiovisual galego.

Este Comité de empresa non pode admitir que neste momento de crise económica non se optimicen os recursos económicos, humanos e técnicos da TVG ameazando a súa sostenibilidade.

Comité de Empresa de TVG
San Marcos, 6 de Xullo de 2010