13/7/10

O COMITÉ DE EMPRESA DA TVG IRROMPE NO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA CRTVG CONTRA A EXTERNALIZACIÓN DA PRODUCIÓN

O comité de empresa da TVG e delegados sindicais dos sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO, irromperon o pasado venres, día 9 de xullo, ás doce do mediodía, no pleno do consello de administración da CRTVG para reclamar que se poña fin á política de externalización da programación da canle autonómica, política que se ven acentuando desde o relevo da dirección xeral, ata o punto de que practicamente o cen por cen da programación non informativa do verán se vai a producir con empresas externas.

A externalización masiva da produción da TVG supón unha infrautilización dos recursos técnicos e humanos da canle pública, o que representa unha duplicidade de gastos, e pon en perigo a continuidade de moitos postos de traballo na CRTVG. A contratación indiscriminada da produción de programas da TVG constitúe unha dilapidación dos recursos públicos, en contradición coa política de aforro anunciada polo presidente do Goberno da Xunta de Galicia.