7/7/10

"GALEGOS NO MUMDO" PRIVATÍZASE

O pasado día 3 de xuño, ante unha pregunta do comité de TVG, que sospeitaba un cambio de rumbo na produción do programa Galegos no Mundo, a directora da TVG, Rosa Vilas, confirmou que este espazo está agora en mans dunha produtora allea, Portocabo TV.

Hai máis de 20 anos que a TVG se convertiu en pioneira en toda España coa primeira emisión de Galegos no Mundo, un programa que percorría o mundo en busca da identidade galega que se espallou máis alá das nosas fronteiras. Un espazo histórico feito por galegos e para galegos.

É lamentable que a Dirección de Televisión de Galicia se incline deste xeito a favor da externalización, pronunciándose en termos como que “somos caros”, e que “debemos apostar polos low cost”. Será obedecendo a esta premisa polo que a TVG ten agora máis da metade da súa produción en mans de produtoras alleas.

Queremos traballar. A día de hoxe, o comité de TVG, como órgano representante das traballadoras e dos traballadores desta empresa, vese na obriga de asumir este lema para frenar a xestión da Dirección da TVG, encamiñada a unha progresiva externalización da produción.

Os traballadores e traballadoras da TVG queremos seguir facendo produción propia interna, tal e como xa viñamos realizando nestes 25 anos.Somos unha canle pública autonómica, e a nosa función e a nosa obriga é precisamente desenvolver os contidos audiovisuais que demandan as galegas e galegos. Se non o facemos así, defraudamos a confianza depositada pola cidadanía nesta empresa.

A Dirección de Televisión de Galicia esqueceu que xestiona un servizo público cos cartos das galegas e galegos. O que está facendo con estes cartos é derivalos a empresas alleas, algunhas das cales buscan única e exclusivamente un beneficio económico, sin contribuir a creación dun tecido industrial do audiovisual galego.

Este Comité de empresa non pode admitir que neste momento de crise económica non se optimicen os recursos económicos, humanos e técnicos da TVG ameazando a súa sostenibilidade.

Comité de Empresa de TVG
San Marcos, 6 de Xullo de 2010