7/5/10

CIG, UXT, USO E CCOO DEMANDAN A EXECUCIÓN DO ACORDO DE CONVOCATORIA DA OEP INCUMPRIDO POLA DIRECCIÓN DA CRTVG

Os sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO presentaron onte na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia escrito polo que demandan a execución da Oferta de Emprego Público, segundo acordo acadado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 26 de febreiro.

A demanda baséase no incumprimento por parte da dirección da empresa dos compromisos adquiridos coa parte social, referidos á convocatoria da quenda libre do proceso selectivo e a incorporación do persoal que obtivo praza na promocións interna, así como á tramitación da aprobación formal da convocatoria por parte do Consello de Administración, no prazo máximo do mes de abril.

Os sindicatos representados no Comité Interempresas solicitan ao tribunal que se dite auto de execución do citado acordo e advirta á dirección da empresa das posibles sancións económicas e mesmo das responsabilidades persoais en que pode incorrer polo incumprimento manifesto dos compromisos adquiridos.