16/9/10

INFORMACIÓN DA COMISIÓN PARITARIA CELEBRADA O 14 DE SETEMBRO DE 2010

Na xuntanza da Comisión Paritaria celebrada o pasado 14 de setembro, a PARTE SOCIAL fíxolle á empresa tres propostas encamiñadas a recuperar os acordos acadados en relación coa OEP:

1. Incorporación inmediata do persoal que acadou praza na Promoción Interna. A parte social entende que a empresa dispón dos medios de contratación necesarios para dar solución ao persoal con interinidades en vacante de OEP que se poida ver afectado, sen necesidade de esperar á modificación do cadro de persoal.

2. Incorporación á OEP das prazas das delegacións declaradas en cesión ilegal por sentenza firme e valoración dos servizos prestados nas mesmas.

3. Elección ao chou dos membros dos tribunais entre o persoal fixo da CRTVG, TVG e RTG que reúna os requisitos de titulación esixidos, seguindo a fórmula do ensino. Designación dos lingüistas externos polos departamentos de filoloxía galega das universidades públicas de Galicia.

A EMPRESA mantivo en todo momento unha posición desfavorable a calquera negociación destas propostas aducindo:

1. A pretensión de resolver a Promoción Interna conxuntamente coa modificación do cadro de persoal (actualmente paralizada no Consello de Administración).

2. A imposibilidade de convocar as prazas das delegacións no actual contexto económico e sen ter decidido aínda se suprimen as delegacións ou as asumen con persoal propio.

3. A imposibilidade de valorar os servizos prestados nas delegacións, xa que o contrario sería recoñecer a irregularidade nas contratacións.

4. O nomeamento dos membros dos tribunais exclusivamente polo Director Xeral, propoñendo ademais que nas probas eliminatorias se estableza a cualificación de apto/non apto (proposta que foi rexeitada pola parte social).

Ante a falta de vontade negociadora da empresa, o Comité Interempresas iniciará as actuacións oportunas e anima aos traballadores e traballadoras afectados a realizar as consultas xurídicas precisas para reclamar os seus dereitos pola vía xudicial.