14/9/10

REFORMAS QUE FAN NECESARIA A FOLGA XERAL

A REFORMA LABORAL POSTA EN MARCHA POLO GOBERNO ESPAÑOL É A MÁIS REGRESIVA DENDE A ENTRADA EN VIGOR DO ESTATUTO DOS TRABALLADORES.

A reforma afonda de maneira radical os cambios nas relacións laborais co obxectivo de:

Asestar un golpe definitivo á negociación colectiva. Calquera empresa que vexa en risco os seus beneficios anuais pode descolgarse do convenio colectivo sectorial asinado e alterar unilateralmente as condiciones de traballo, incluída a xornada irregular.

Dar un paso definitivo para incorporar á lexislación laboral o despedimento libre e barato. A partir desta reforma increméntanse as posibilidades de despedir en función das previsións económicas ou da redución de ingresos (¡aínda que se teñan beneficios!), facilítanse aínda máis os despedimentos motivados por razóns organizativas e de produción tanto individuais como colectivos, ampliando os supostos de abono de indemnizacións de 20 días por ano traballado co tope de 12 mensualidades, en detrimento dos 45 días co tope de 42 mensualidades.

Pagar con cartos públicos os despedimentos. No colmo da incongruencia e a desvergoña política págase con diñeiro de todos e todas parte das indemnizacións recollidas nos contratos indefinidos ordinarios, de fomento da contratación indefinida e os despedimentos obxectivos. ¡O Goberno español quere fomentar o emprego financiando os despedimentos!

Fomentar a fraude e aumentar as bonificacións empresariais. Non se abordan as causas que permiten a inxente fraude na contratación temporal e parcial e como contrapartida regúlase de maneira lesiva para traballadoras e traballadores a duración do contrato por obra e servizo e ponse en risco a subrogación recollida en moitos convenios colectivos. Os empresarios reciben por todo isto bonificacións nas taxas da seguridade social polo simple criterio de que se cumpra a lei que eles están desregulando coa reforma.

Eliminar as trabas actualmente existentes para que as ETT actúen no sector público, na construción e nos sectores de risco. O que non só supón empeorar as condicións de traballo senón incrementar de maneira insensata os riscos laborais para as traballadoras e traballadores.

Non podemos entender esta reforma laboral de maneira illada xa que forma parte dunha política económica que está poñendo a disposición dos máis poderosos os recursos públicos e que está facendo deixazón das responsabilidades políticas dos gobernos para acrecentar o poder das grandes fortunas e da patronal. Esta é a saída á crise que o Goberno de Zapatero está impoñendo ás traballadoras e traballadores, co PP opoñéndose só porque quere medidas máis duras como a prohibición da folga durante a negociación colectiva.

A reforma laboral e as novas medidas anunciadas (Pensións, protección por Desemprego e Negociación Colectiva) FAN NECESARIA A FOLGA XERAL.

O COMITÉ INTEREMPRESAS CHAMA A TODOS OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA CRTVG, TVG E RADIO GALEGA A PARTICIPAR ACTIVAMENTE NA XORNADA DE FOLGA XERAL DO DÍA 29 DE SETEMBRO, EN CONTRA DUNHA REFORMA LABORAL QUE ATENTA GRAVEMENTE CONTRA OS DEREITOS LABORAIS.